Puntuación: 1.9/5 (72 votos)
A participación no IX Congreso de Minorías Nacionais Europeas, organismo adxunto á Sociedade das Nacións, reunido en Berna (Suíza) do 16 a 18 de setembro de 1933, constitúe un evento de primeira'magnitude ao concretar, por primeira vez na nosa historia recente, a comparecencia de Galicia, con personalidade propia, nun encontro internacional.
Conmemorar agora o setenta aniversario daquela efeméride resulta especialmente oportuno. Primeiro, porque nos reconcilia coa nosa propia historia. A memoria recente pasou por alto, en todas as tendencias e culturas, un feito tan singular e importante, ao que o propio Castelao no Sempre en Galiza outorga valor de firmeza irreversible. En segundo lugar, abunda nunha tradición xenuína que contextualiza o nacionalismo galego no proceso mundializador.
Tamén é Castelao quen no mesmo texto di ser "fillo dunha patria descoñecida porque ninguén soubo dar sona e creto ás nosas reivindicacións patrióticas". Non houbo tempo histórico para adentrarse por outros sendeiros. Con todo, a participación naquel encontro evidenciaba que a proxección exterior estaba presente nas preocupacións dos galeguistas dende o mesmo momento en que comezaron a organizarse, en condicións ben difíciles, e que perseveraron nese empeño en todas as ordes. A Comisión Executiva do Partido Galeguista tiña un secretario de relacións internacionais: Plácido Castro. E non soamente no político, tamén no cultura] Afirmar hoxe que os galeguistas foron dos primeiros europeístas en Galicia e no Estado é un acto de xusto tributo que debiamos por en valor á hora de encarar calquera reflexión contemporánea sobre a relación de Galicia con Europa.
No manifestou que impulsou o IGADI (www.igadi.org), entidade obstinada na actualización daquel empeño, sinalase que "O futuro de Galicia vai depender en boa medida da súa capacidade para dotarse dun marco de operacións que a sitúe no complexo mundo actual a partir das súas propias potencialidades económicas, sociais e culturais. Internacionalización e universalismo son as dúas claves xerais que deben impregnar e vertebrar as actuacións concretas a desenvolver en todos os eixes. Por iso, apelamos ao conxunto da nosa sociedade para pensar unha Galicia no mundo, configurando o exterior como un ámbito de interese estratéxico, como un instrumento fundamental para a modernización da nosa Terra. Temos algo andado, pero para acadar a plasmación desa idea de progreso con identidade cómpre non perder de vista que somos un País no Mundo e que a nosa obriga principal consiste en ser parte da civilización universal. Galicia, sendo galega, é e será sempre máis universal e con máis personalidade ca perdendo a súa identidade."
Dirixir a nosa mirada cara atrás e atopar ese cerne, fáctico e doutrinal, resulta de gran valor para o presente. Naqueles anos seguen estando as esencias e segue quedando aínda moito por descubrir para as xeracións presentes. Non o deamos todo por sabido e dignifiquémolo adecuadamente.
[introdución do libro]