Puntuación: 1.7/5 (47 votos)
Relatos verídicos ocupa un lugar destacado dentro da extensa obra de Luciano de Samósata. A obra ten un marcado carácter paródico, pois a intención do autor é entreter o lector mofándose dos autores de relatos prodixiosos e lendarios da tradición literaria grega e latina. Neste divertimento novelesco, narrado en primeira persoa, o barco no que navega Luciano chega á Lúa tras ser arrastrado por unha tempestade e viaxar polo aire durante sete días. Alí o autor válese da súa fecunda imaxinación para narrar as súas aventuras entre os selenitas. A obra tivo unha grande influencia posterior, sobre todo a partir do século XVIII, pois está na cerna da Historia cómica dunha viaxe á lúa de Cyrano de Bergerac ou As Viaxes de Gulliver de Jonathan Swift.
Luciano de Samósata naceu arredor do ano 120 da nosa era na cidade comercial de Samósata, á beira do río Éufrates. Viviu nunha época dourada do Imperio romano, tanto no que respecta á paz e prosperidade comercial, como no eido da cultura. Luciano foi contemporáneo do emperador Marco Aurelio e do novelista latino Apuleio; viaxou moito por Asia Menor, Palestina e a Galia, e coñecía Atenas e Roma. Conservamos unhas 80 obras súas, case todas de breve extensión, variada temática e diversos xéneros (sátiras, diálogos, novelas curtas, discursos...). É un dos autores máis enxeñosos e agudos do seu tempo.
[Presentación editorial]