Puntuación: 2.8/5 (66 votos)
O Premio Blanco Amor de 2010 descobre un novo autor para a literatura galega. Editorial Galaxia publica a novela gañadora,
O imposible de desatar, de Iván García Campos. Unha novela que ao contar a historia dunha familia na Galicia de hoxe conta a historia de todos nós, dos sentimentos que abrollan nos actos nimios, das relacións nas que as palabras case non son necesarias ou do que é imposible de dicir, do que non se pode desanoar. A nova literatura galega fala de nós, da realidade que estamos a vivir.
Cun sorprendente xeito de narrar, Iván García Campos traza o retrato da cara oculta da sociedade actual ao ir contando a historia dunha familia normal, un matrimonio e os seus dous fillos. A súa vida no interior do piso no que residen, o ambiente e as relacións no posto de traballo,como ven aos demais e de que xeito os demais os perciben a eles. Coma nun encrucillado, en
O imposible de desatar os lectores van ir compoñendo a historia dunha familia, a dunha semana da súa vida, desde o almorzo á noite, para descubrir a verdade que hai detrás dos xestos nimios e as medias palabras.
O xénero da novela volve encontrar materia narrativa na vida máis común,
O imposible de desatar achega os lectores e lectoras ao que coñecen e comparten para facérllelo contemplar dun xeito diferente. Nesta obra de ficción rexorde a historia cotiá con forza e interese, con humor e momentos divertidos, tamén coa frustración e o sentido de culpa que a vida nos reserva. A literatura volve achegarse ao cotián para iluminalo desde novos ángulos.
[Presentación editorial]