Puntuación: 2.1/5 (46 votos)
Este é un libro sobre gatos condenados a calzarse, viúvas afeccionadas á moda, amantes dos animais, avalanchas de ratos, frautistas retirados, albaneis de servizo, estraños aparellos que sosteñen a lúa, bruxas nun mal día, revoltas populares, reis, raíñas, princesas... que conta a incrible (pero certa) historia de como as ras acabaron gobernando o mundo.
Raquel Saiz, autora de O día en que a mamá se lle puxo cara de teteira, é unha colaboradora habitual de OQO editora. Neste álbum reincide na ruptura cos convencionalismos e estereotipos que os contos populares transmitiron xeración tras xeración, tal e como fixo en O traseiro do Rei, Chuzos de punta! ou Nariz de ouro.
Se os gatos levasen botas gobernarían as ras é unha revisión do conto popular europeo recompilado en 1697 por Charles Perrault no seu Conto de mamá ganso (Contes de ma mère l’Ove) e é, sobre todo, unha cocteleira de protagonistas de relatos clásicos infantís: os ratos e o Frautista de Hamelin, bruxas, príncipes convertidos en ras, princesas dispostas a bicalos (aínda que con noxo) para romper infrutuosamente o feitizo.
“Este non pretende ser un conto sobre o mundo, é un conto sobre os propios contos; porque as historias teñen as súas normas e é perigoso cambialas”, advirte a autora.
Así, a pesar do irreverente destas múltiples reinterpretacións (O Frautista de Hamelin está retirado nunha illa do Pacífico, logo de gañar unha fortuna atraendo ricas herdeiras coa súa frauta), este álbum mantén intacta a parodia aguda da relación entre o pobo e a aristocracia, que se arroga o poder de ditar as normas do gusto e a política.
Do mesmo xeito que en Sopa de nada, Rashin Kheiriyeh capta perfectamente o ton desenfadado e divertido da historia. Así, a ilustradora iraniana convence coa súa aposta colorista e cunha representación orixinal e arriscada dos personaxes dos contos clásicos.
A autora de Se os gatos levasen botas gobernarían as ras anímase a dar dúas recomendacións para mergullarse na lectura deste libro: “Os contos non son algo para tomar en broma” e “calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia”. (Ou non).
Presentación editorial]