Puntuación: 1.9/5 (49 votos)
Este conto popular foi obxecto de incontables versións. Un abano amplo de interpretacións que non se reduce á aleccionadora de Charles Perrault ou á edulcorada dos Irmáns Grimm. Así, figuras de prestixio da literatura infantil e xuvenil como Roald Dahl ou Gianni Rodari revisitaron desde o humor e a ironía este clásico para vestir de amarelo a Carapuchiña ou dotala dun arma coa que conseguir un abrigo quentiño de pel de lobo.
Con As manoplas de Carapuchiña, OQO editora tamén se suma a unha reinterpretación divertida e orixinal deste clásico. Tanto o texto de Inés Almagro como as imaxes de Mikel Mardones xogan cunha dobre complicidade: a do lector e a da protagonista. A ambos se lle presupón coñecedores do desenvolvemento da versión popular máis estendida.
O feito de que a historia non transcorra como convencionalmente é coñecida ou como Carapuchiña ten protagonizado reiteradas veces sorprende ao lector e desconcerta á protagonista. —Que raro! –dixo Carapu, mentres poñía a carapucha– No meu conto nunca neva!
Inés Almagro sitúa á protagonista á beira do lector, quen seguro se fai as mesmas preguntas que a pequena ante o inédito dos acontecementos e o inusitado comportamento dos personaxes: —Que raro! –dixo–. O lobo sempre me viña asustar!
A orixinalidade da versión de Carapuchiña coa que Inés Almagro debuta en OQO editora vese reforzada co traballo de Mikel Mardones. En primeiro lugar, o ilustrador vasco (A figueira de Pelostortos) rompe o arquetipo físico dunha nena de trenzas loiras e cara doce que forma parte do imaxinario colectivo; e incorpora extravagantes e divertidos personaxes: un moucho, un porco...
Estes singulares compañeiros de viaxe de Carapuchiña nin están presentes noutras versións nin no texto de Inés Almagro, co que o ilustrador enriquece a galería de personaxes (limitados ao lobo, cazador e avoa) e regala unha historia paralela, que invita a novas lecturas.
Mardones defíneos como “observadores curiosos” que non interrompen a travesía da pequena á casa da avoa. “O percorrido que fai Carapuchiña é un soliloquio case ininterrompido ata o final. Por iso, os lugares por onde camiña debían ter protagonismo e personalidade”. “Unha suxestión (das moitas posibles) que me pareceu interesante pola variedade e por non dar unha atmosfera demasiado densa”, engade.
Ao igual que no seu primeiro traballo para OQO, as súas ilustracións cobran vida orixinariamente en carbón. E, inmediatamente, co pigmento bastante fluído apontoa a forma e o volume. Finalmente, aplica pintura máis espesa, evitando os retoques, “aínda que sempre son necesarios”, como as versións dos contos clásicos.
[Presentación editorial]