Puntuación: 2.1/5 (65 votos)
O volume dedicado a Lugo que o poeta quixo facer en vida, pero que non chegou a ver. Inclúe 51 textos, en verso e prosa, escritos entre 1955 e 1999. Trece deles, inéditos. Con estudo de Pilar García Negro e ilustracións de Blas Lourés.
Ás veces canta o Norde
unha pasión de lonxes
i as murallas pechando un gran Lugo de nebra
pechando abertas (...)
Estes versos inéditos de Uxío Novoneyra (1930-1999) abren Gran Lugo de nebra, un volume que reúne, por vez primeira, a obra dispersa, esquecida ou non publicada do autor sobre a cidade de Lugo. “Eiquí inda sigue Galicia fortemente reconocible i enteira”, di noutro intre. Trece dos textos son rigorosamente inéditos: catro poemas e oito escritos en prosa.
Esta é a obra sobre Lugo que o poeta —a quen este ano 2010 se lle dedican as Letras Galegas— quixo facer en vida, á que se referiu en varias ocasións dende comezos dos anos oitenta, pero que non chegou a ver publicada.
A profesora da Universidade da Coruña, María Pilar García Negro, leva a cabo un fondo estudo introdutorio sobre a obra de Novoneyra e a súa conexión coa cidade (“En Lugo, na miña ciudá, onde comencei a dormir normalmente”, escribe o poeta en 1960). E o pintor Blas Lourés ilustra, pola súa banda, algunhas das páxinas aquí rescatadas.
Así mesmo, o Concello de Lugo e a Vicepresidencia 1ª da Deputación-Área de Cultura colaboraron nesta edición.
GRAN LUGO DE NEBRA reúne, en total, medio cento de composicións: 38 poemas e 13 textos en prosa, que abarcan cinco décadas de vida e devoción pola cidade amurallada, dende 1955 ata 1999, ano do falecemento do escritor.
[Presentación editorial]