É unha historia rememorativa a que vou reproducir nestas páxinas. Tento contar nelas o que teño aprendido sobre o pasado da vila na que nacín e me criei. Vivencias dos días alí decorridos. Impresións sobre a paisaxe, o ambiente do pobo. Un algo tamén do que coñecín en localidades veciñas. Os antigos falaban moito do Leteo, río infernal do esquecemento. Pero ¿e a enxurrada da memoria? Quen se deixa bater polas súas augas ven ser como si se bañase en sí mesmo. E do autobaño sae recuperado. Esta ablución purificadora andei moitas veces a practicala como un exercicio espiritual. Penso que quizais a vida teña por fin inmediato un pouso de lembranzas.
En certas ocasións esquecer é doce, pero resulta aventurado. Ó que esquece lévano os paxaros. Nalgunha circunstancia memorar é amargo. Pero nunca inútil, agás nos trances doentíos da idea fixa. Eu o que sei é que nunha chea de momentos restablecíame coa excitación da rememoranza. 0 mal do intre desaparecía como desdenable na curva estadística da persistencia. Era a memoria quen me permitía a realización do triunfo. Gostei invariablemente de abrir o vello arcón aromatizado de anos. En diversas ocasións levei conta escrita destas experiencias. Agora pode que me trabuque e mesture especies. Ó recuar cara tempos idos comezan a me falar os testemuños máis achegados. Só me queda unha serie de escenas mal zurcidas.
Todo o devandito ven a conto das rememoranzas históricas e vivenciais que da miña Lourenzá natal me propoño rexistrar aquí. [fragmento inicial do libro]