Puntuación: 2.2/5 (91 votos)
A partir de 1975 xorden en Galicia as primeiras reivindicacións do movemento feminista. O obxectivo era transformar un sistema social feito por e para homes. PARIR A LIBERDADE reconstrúe a historia do feminismo no país desde os primeiros anos da democracia.
A obra divídese en tres apartados: os albores da loita feminista, os eixes temáticos que ocuparon as reivindicacións desde o seu nacemento (liberdade sexual, aborto, prostitución, violencia de xénero, traballo e economía solidaria) e, finalmente, os testemuños das mulleres que estiveron na fronte de batalla nos primeiros momentos e cuxo espírito aínda segue latente, con dez amplas entrevistas a María Xosé Queizán, Nanina Santos, Ana Fernández Puentes, Carmen Blanco, Sabela Mouriz, Tareixa Navaza, Rosa Bassave, Lupe Ces, Ana Míguez e María Xosé Agra.
“Parir a liberdade” é expresión utilizada por María Xosé Queizán en varios dos seus traballos. “A miña idea de feminismo é unha idea racionalista, de xustiza. A de crear unha sociedade mellor, de mulleres e de homes”, afirma Queizán neste libro.
[Contracapa do libro]