Puntuación: 1.9/5 (52 votos)
David Albahari (Pec, Kosovo, 1948) está considerado un dos principais autores vivos en lingua serbia. Os seus relatos curtos e novelas posúen un ferido carácter autobiográfico, pois para Albahari as experiencias persoais son o mellor xeito de entende-lo mundo, aínda que isto implique unha percepción subxectiva del. De orixe xudía sefardí, actuou como presidente da Federación Xudía de Iugoslavia a comezos dos anos 90 e coordinou a evacuación dos xudeus de Saraievo. Foi, ademais, un dos primeiros en presentar unha petición pública para a legalización da marihuana en Iugoslavia. Residente no Canadá dende hai máis de 15 anos, Albahari pertence á xeración que poderiamos denominar “iugoslava”, cidadáns nacidos e criados nun estado que remataría desaparecendo. Verteu ó serbio obras de Vladímir Nabokov, John Updike e Sam Shepard. Amplamente traducido a varias linguas europeas, recibiu os principais galardóns literarios do seu país. Pertence á Academia Serbia das Ciencias e das Artes (SANU).
Valéndose dun estilo digresivo e un sentido do humor asemade acedo e delicado, Albahari traza cículos concéntricos arredor da persecución dos xudeos na cidade de Belgrado, antes da posta en marcha do programa nazi da Solución Final, cando se gaseaba a poboación en camións ós que se lle introducía o tubo de escape na parte traseira. Para mergullarse no pasado, o autor examina cada detalle a través dos ollos de Götz, ou de Meyer, dous soldados que as circunstancias converten en condutores dun destes vehículos, en falsos salvadores, en anxos da morte e, en definitiva, nos auténticos executores do exterminio.
Presentación editorial]