Puntuación: 2.1/5 (56 votos)
O café convértese no punto de reunión da xente dunha vila rural do sur dos Estados Unidos, e recolle os cambios que o amor provoca coma se dun personaxe máis da novela se tratase. Carson McCullers describe con gran sensibilidade os temas da soidade, o desamor e a complexidade das relacións humanas a través dun triángulo de amor non correspondido formado pola señorita Amelia, Lymon e Marvin Macy. Inverte os roles de xénero e rexeita someter os seus personaxes aos habituais patróns de conduta, criticando a hipocrisía e os ríxidos valores morais do antigo sur dos Estados Unidos.
Nos seis relatos que seguen á novela curta, McCullers continúa a tratar os temas da asimetría nas relacións amorosas, así como a inseguridade adolescente, o fracaso, a inxustiza social, o respecto polas peculiaridades das persoas, o alcolismo e as crises existenciais. Así a todo, fala con optimismo da esperanza en volver atopar o amor.
Carson McCullers (Columbus, Georgia 1917 – Nyack, Nova York 1967) é considerada unha das voces máis importantes da literatura norteamericana do século xx. Con vinte e dous anos escribe a súa primeira novela,
The Heart Is a Lonely Hunter, que é tamén a súa obra máis coñecida e que, canda
Reflections In a Golden Eye, The Member of the Wedding e
The ballad of the sad café, foi levada ao cine posteriormente. Faleceu en 1967, despois de recibir o último dos seus galardóns, o Henry Bellamann Award, que recoñecía a súa "excepcional contribución á literatura."
McCullers foi pioneira en tratar temas como a homosexualidade, o racismo, o adulterio ou o alcolismo, e converteuse na gran retratista do sur profundo dos EUA.
presentación editorial]