Puntuación: 2.1/5 (55 votos)
—Vai mexar antes de deitarte
-recordoulle súa nai.
Lucas mirou debaixo da cama
e, abrazado a Oso, non tardou en durmir.
O pequeno Lucas planeaba atrapar o monstro da xerra de auga, que mollaba a súa cama cada noite. Para iso, contaba coa axuda do seu fiel e leal amigo Oso.
Este relato de José Campanari aborda con tacto, naturalidade e a dose de humor xusta procesos de maduración complicados para os máis pequenos: deixar de mexar na cama e o primeiro día de colexio.
Lucas e Oso revela desde o principio a preocupación do pequeno por atrapar o monstro da xerra de auga, a quen lle atribúe que a súa cama apareza mollada polas mañás. A esta inquietude, súmaselle o comprensible nerviosismo que supón o primeiro día de escola.
Nesta nova colaboración con OQO, Campanari volve abordar pequenos conflitos cotiáns, tal e como fixo en E que podo facer eu? ou Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) e faino coa sensibilidade que caracteriza todos os seus textos. En Lucas e Oso, preséntanos a un neno valente, disposto a enfrontarse ao seu problema coa mellor arma da que dispoñen os pequenos: a imaxinación, aliada perfecta para evitar complexos ou traumas.
Ademais, Lucas conta para iso coa imprescindible comprensión dos seus pais. Estes atinan no modo de alentalo para que pouco a pouco estas visitas nocturnas deixen de producirse e tamén o fan na forma de resolver a pequena catástrofe: obviar calquera castigo ou burla. Estes métodos o único que conseguen é agravar este problema, xa que frustran e aumentan a inseguridade dun neno.
A tenrura do protagonista tamén a provoca a súa bondade; arriscándose nos seus pesadelos para protexer o seu inseparable escudeiro de peluche e alter ego, Oso. E ata cando lle atribúe —coa picardía propia de calquera neno— que a cama apareza mollada, sae na súa defensa ao presentalo como vítima do monstro da xerra de auga.
O mundo de fantasía que Lucas e Oso viven cada noite, na súa fazaña onírica de atrapar o monstro da xerra de auga, é recreado ao detalle por Kristina Andres. As súas ilustracións están repletas de divertidas e diminutas criaturas que viven situacións graciosas e surrealistas, nunha narración visual paralela, moitas veces independente da trama principal de Lucas e o seu amigo Oso.
Este estilo característico da ilustradora alemá propicia novas lecturas cheas de humor, como as que atopamos no seu primeiro traballo con OQO, A pota que trota, e das que tamén gozaremos en Lucas e Oso, un álbum para axudar os máis pequenos a deixar de avergoñarse por un feito que cren —erroneamente— que só lles ocorre a eles.
[Presentación editorial]