Puntuación: 1.9/5 (40 votos)
A vella Lulula decide lavar a roupa e colgala a secar no patio, a pesar do agoiro de tormenta. Voces misteriosas do seu xardín e que aparentemente proceden da cerdeira, o patinete, o sacho, o pozo, o balancín e ata do seu papagaio e do seu can, intentan disuadila.
Do mesmo xeito que na súa última colaboración con OQO,
Ranilda , Mar Pavón volve facer uso da fantasía e da maxia neste divertido conto acumulativo en que o xogo e a adiviña atrapan o lector.
Mar Pavón tamén xoga, como nos relatos clásicos, co número sete tan presente nas historias tradicionais. O lector acompaña a Lulula cando enxaboa e refrega unha a unha as sete pezas da súa coada; cando lles pregunta polo tendal aos sete personaxes que habitan no seu patio; e son sete as cores do arco da vella que aparece, tras a treboada, cunha feliz sorpresa para a velliña.
Nesta historia Mar Pavón ten como aliada a imaxinación de Alessandra Cimatoribus. Á ilustradora italiana resultoulle divertido este traballo no que interpretou o texto para xogar co lector e a propia Lulula. Así, decidiu introducir no relato criaturas misteriosas e dous pícaros ratiños, que un fiel lector de OQO saberá recoñecer.
Cimatoribus non se limitou a dar vida a estes habitantes máxicos e pícaros. Así, como contrapunto á actitude de desconcerto da vella Lulula, crea un personaxe máis para o relato de Mar Pavón: o gato.
O felino é o único consciente do que está pasando e os seus ollos indícanlle sempre ao lector cara a onde debe dirixir a súa mirada. A elección deste animal non é casual, Cimatoribus é consciente dos valores de —sabio e prudente— que se lle atribúen.
As ilustracións en acrílico sobre papel —con algunhas accións realizadas con lapis de cores, plumas, tinta e colaxe— caracterízanse por tons vivos que transmiten a enerxía e forza vital de Lulula.
Esta é a razón de que Cimatoribus a vista de laranxa, a pesar de que non é unha cor utilizada habitualmente polas persoas maiores. Deste xeito, representa a esas mulleres de idade que non se renden e están cheas de enerxía e frescura como toda a historia.
Presentación editorial]