Puntuación: 2.5/5 (64 votos)
Cando acordou no monte no medio da escuridade e do frío da noite estendeu a man para apalpar o neno que durmía a son del. Noites máis negras ca a negrura mesma e os días máis grises ca a véspera. Coma a aparición dun glaucoma frío que ofuscaba o mundo. A man elevábaselle e descendía suavemente con cada alento precioso. Botou para atrás a lona plástica e ergueuse sobre as fedorentas roupas e mantas e mirou para o leste na procura dalgunha luz pero non había ningunha.
Un pai e un fillo camiñan sós por un mundo frío, onde apenas nada se move, agás a cinza e a neve no vento. Pai e fillo empurran un carriño pola estrada: nel transportan as poucas pertenzas que lles quedan e o que van recollendo no camiño. Van cara ao sur, cara á costa, buscando a salvación, esfameados e abafados pola néboa cincenta: dende as montañas do interior, percorrendo unha paisaxe arrasada, van fuxindo da morte coa esperanza de atopar un futuro onde sexa posible a vida.
A estrada é a crónica conmovedora dunha viaxe de supervivencia que imaxina un futuro sombrío. Un futuro explorado nos filmes e obras literarias que se teñen internado no mundo posterior a unha catástrofe nuclear. Cormac McCarthy volve sobre o tema e converte a ficción nunha obra impactante, onde está presente o mellor e o peor da condición humana. A lectura provoca unha pregunta desasosegante: son posibles o amor e a esperanza no medio da barbarie inhumana e da devastación total?
Destaca tamén o protagonismo da paisaxe: un ceo sempre gris onde nunca se ve o sol, os ríos negros, un frío intenso, a escuridade e o eterno silenzo. Publicada en 2006, “A estrada” é unha das obras deste autor máis recoñecidas internacionalmente; a súa tradución ao galego supón un fito relevante.
PREMIO PULITZER DE FICCIÓN 2007
PREMIO JAMES TAIT BLACK MEMORIAL 2006
FINALISTA DO PREMIO NATIONAL BOOK CRITICS CIRCLE 2006
[Presentación editorial]