Nado hai case cincuenta anos na illa de Ischia, Andrej Longo debe o seu nome á devoción do seu pai por Guerra e Paz. Longo, que vive actualmente en Roma, alterna a súa actividade de escritor, guionista e dramaturgo co oficio de pizzeiro e as partidas de xadrez. Antes de que a casa Adelphi recoñecese o valor literario de Dez, esta obra fora descartada por once editoriais diferentes.
Outros títulos do mesmo autor son Più o meno alle tre e Adelante.
Dez, como os mandamentos. Unha historia por cada imposición bíblica. Esta novela en forma de relatos retrata de preto as múltiples e dolorosas situacións límite que teñen lugar no contexto pechado e claustrofóbico dos suburbios de Nápoles. Un microcosmos enfermizo, conformado por canellas escuras, especulación atroz e esperanzas truncadas, onde as primeiras leis de convivencia humana parecen subsistir a modo de mera burla cruel.
Andrej Longo encárgase de trazar o mapa da dor, da violencia, das condicións degradadas de vida, en que o ser humano resulta somerxido e esmagado pola miseria que contribúe a producir. [Presentación editorial]