Puntuación: 1.9/5 (88 votos)
Ano 1666, o ano do Anticristo. Agoireiros e iluminados percorren os camiños para anunciar que a fin do mundo está cerca. Na Apocalipse dise que o número da Besta é o 666 e no ano 1666, é dicir MDCLXVI, xúntanse tódalas letras da numeroloxía latina, que é outra das condicións da profecía. Ademais, en tódalas confesións hai un libro en que se profetiza o final dos tempos. Baldassare Embriaco, un comerciante de obxectos de arte e libros raros, descendente dunha vella familia xenovesa asentada no Líbano, vese envolto nesta voráxine fatídica. Baldassare amósase escéptico, consonte as Sagradas Escrituras: «o home non saberá nin o día nin a hora da fin do mundo antes de que esta sobreveña». Non obstante, emprende unha longa viaxe na procura do libro maldito, O centésimo nome, que tivo entre as súas mans pero que deixou escapar. No Corán hai noventa e nove formas de chamar a Deus, pero había un centésimo nome, agachado, que, invocado serviría para gaña-los favores do ceo nestes momentos dramáticos en que se teme a fin do mundo. No seu periplo, durante o cal atravesará o Mediterráneo ata chegar a Londres, Baldassare cruza países en situacións límite, vilas incendiadas, comunidades expectantes... Atoparase co medo, a violencia, o engano, a desilusión e o infortunio, ó parecer relacionados coa presencia do libro buscado. Pero tamén achará co amor, sentimento que cría perdido para sempre.
A viaxe de Baldassare, levada a cabo o ano 1666, que rematou sen que dese chegado a fin do mundo, ten unha trama con múltiples elementos que fan dela unha novela moi actual: os temores milenaristas, os cabalistas que predín a fin dos tempos, o binomio da primacía racional fronte á emerxente tentación irracional... A novela de Maalouf é unha viaxe iniciática, de reaprendizaxe, na que abrollan os choques e as vías de comunicación entre as culturas do cercano oriente e dun occidente europeo que se prepara para debate-las ideas ilustradas.
[Presentación editorial]