MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO NO I PREMIO
INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUMS ILUSTRADOS
–Cantos meses ten un ano?
–Doce meses, queres máis?
–Eu quixera ter os doce
e outro máis para descansar.
O tempo é a materia prima da que estamos feitos:
segundos, minutos, horas, días, semanas, meses,
anos... Este libro ofrece outra ollada alternativa
sobre esa medida e dános a posibilidade de
coñecer outra caste de reloxos: “eses onde nunca
se sabe que hora é”, en palabras de Álvaro
Magalhães. Afeitos a preguntar pola hora, este
álbum propón todo o contrario: preguntar que hora
non é.
Os divertidos versos desta historia rimada son unha
invitación a reflexionar sobre as présas que invaden
o noso ritmo de vida cotiá. As imaxes do libro, que
aportan moito dinamismo, son elaboradas siluetas
de papel recurtado cuxas formas contrastan coa
cor de fondo: as agullas dos reloxos adquiren vida
propia e camúflanse en sorprendentes obxectos. [Presentación editorial]