Puntuación: 2.0/5 (52 votos)
Xanecas tiña catro anos, e coma todos os nenos a esa idade, era moi curioso. O que máis lle gustaba no mundo era explorar, e case cada día facía un descubrimento novo.
Precisamente dunha desas pequenas descubertas cotiás fala esta historia saída da imaxinación de Ramón Aragüés e que comeza un día á hora do baño.
Seu pai refregáballe as orellas, os xeonllos, os cóbados e os pés. Para apurar máis, Xanecas fregábase co xabón. De repente, afundíuselle o dedo. Que pasara? Que metera o dedo no embigo! Desta maneira o noso protagonista descubriu que tiña un burato na barriga, pero tan intrigado quedou que desde aquela sempre estaba a preguntar: Pero, por que teño embigo?
E é que Xanecas está a experimentar unha das etapas infantís máis divertidas: a das preguntas. Durante este período, os pequenos queren saber o porqué de todo o que os rodea, e coma neste caso, acoden a aqueles que teñen máis cerca: a papá, á irmá máis vella, ao avó, a mamá…
Cada un dos membros desta particular familia, aproveitándose da inocencia do pequeno, irá inventando unha trola acerca da orixe do embigo, ata que finalmente a nai lle desvele a verdadeira razón da súa existencia, e de paso un dos grandes misterios da vida.
As imaxes do álbum son obra da ilustradora italiana Francesca Chessa. Trátase dunha artista cunha ampla traxectoria profesional que traballa para editoriais de todo o mundo (Italia, Francia, O Xapón, Suíza, EUA, O Canadá). Agora, grazas a esta colaboración con OQO editora, os lectores galegos tamén poderán gozar do traballo desta autora.
Para debuxar os personaxes do álbum, Francesca Chessa inspirouse na súa propia familia. En concreto, a portada nace dun xesto do seu sobriño, quen a unha pregunta da ilustradora sobre o embigo, reaccionou como vemos, levantando a camiseta e mirando con curiosidade para o buratiño da súa barriga.
A partir desta anécdota, a autora tivo claro que as ilustracións debían transmitir a espontaneidade e naturalidade dos xestos infantís. Creou unhas imaxes coloristas e desenfadadas, concibidas para que os cativos se identifiquen cos escenarios, cos personaxes e tamén coa súa forma de comportarse. Para este traballo utilizou acrílicos, e colaxe nalgúns elementos, para o embigo por exemplo, deste xeito consegue que non pase desapercibido.
Con este novo álbum da Colección O, OQO editora pon a disposición de todos aqueles que teñen que dar resposta ás miles de preguntas que nacen da curiosidade dos nenos, un valioso recurso co que lles explicar dunha forma sinxela e divertida o misterio do embigo.
[Presentación editorial]