Puntuación: 2.0/5 (47 votos)
—E se lle levo auga de mar?
Non, iso xa o ten,
porque o mar está no seus ollos.
Hoxe é o aniversario de Mario e Alba está invitada a merendar na súa casa. Aínda non sabe que regalarlle e polo camiño vai pensando nun agasallo para o seu amigo. A ela ocórrenselle moitas cousas, pero non é fácil decidirse cando se quere algo especial.
Da man da protagonista deste álbum da Colección O de OQO editora descubriremos que os mellores regalos non son os que se compran. Ana Tortosa elixe un título moi revelador, Coas mans baleiras para este conto que nos presenta valores moi afastados dos que a sociedade de consumo en que vivimos nos trata de impoñer.
Nel, a autora convida os máis pequenos a miraren máis alá das cousas materiais e a exploraren outras alternativas de ocio: a natureza, a imaxinación, a amizade… E a partir do orixinal xogo de preguntas e respostas da protagonista, crea un conto que ten moito de adiviña.
A lectura deste álbum esixe de lectores espelidos e velaquí o reto que a escritora nos propón a todos: adiviñar a identidade deste misterioso Mario antes de chegar ao final. Resolver o enigma non é tan complicado, pero cómpre estar moi atentos a cada unha das pistas que a pequena Alba nos vai ir dando ao longo do relato.
Cecilia Varela nesta segunda colaboración con OQO editora, enche de luz e vida cada unha das páxinas do libro. As súas continuas referencias ao mar e os motivos mariñeiros (o temón, a praia, o faro, a bucina…) son unha metáfora dese mar de preguntas polo que navega Alba na procura do mellor regalo para o seu amigo.
Dous personaxes, un gato negro e un polbo, acompáñana na súa busca. A ilustradora escolleu estes compañeiros de viaxe porque se trata de animais vinculados desde antigo coa cultura mariñeira.
Agora quizais nos sorprende, pero ata non hai moito os mariños viaxaban con gatos a bordo para controlar os ratos. Para eles eran coma amuletos da boa sorte e son moitas as supersticións que existen ao redor destes animais.
A historia dos navegantes tamén está inzada de relatos acerca de polbos xigantes. Mais o polbo de Cecilia Varela non mete medo. Nas imaxes explota o lado máis lúdico desta criatura e tira proveito das súas características físicas: os tentáculos, a flexibilidade... Asemade, os xestos e certos elementos de attrezzo (ora sostén unha cunca, ora un paraugas, etc.) axúdanlle a humanizar este polbo brincador e enredante.
Pero como todos sabemos, os contos teñen un principio e un final. Alba sen decatarse, chega á casa de Mario. Queredes saber que lle regalará?
[Presentación editorial]