Puntuación: 1.8/5 (51 votos)
—Viches o león?
–preguntou a ra–.
Tráiolle unha carta
que recende a herba e
a flores frescas.
A través desta fórmula, cargada de lirismo, que a ra repite a cada un dos animais cos que se atopa, este álbum completa páxina a páxina unha especie de crebacabezas de criaturas da selva, cuxas respostas se converten en pequenas pistas.
Nelas revélanse detalles que levarán ao incansable anfibio a dar co paradoiro do león, ao tempo que incrementan a súa curiosidade, a dos habitantes da selva e tamén a do lector por descubrir o motivo polo que só corre e corre; nin caza nin come e, sobre todo, a súa fixación por alcanzar a Lúa.
O escritor uruguaio-venezolano Armando Quintero ten unha longa e recoñecida traxectoria como narrador oral. Esta experiencia é evidente na tensión narrativa que constrúe en Viches o león?, álbum que supón a súa segunda colaboración con OQO tras inaugurar con Caracois a colección para primeiros lectores nanOQOs.
O estraño comportamento do león intriga a todos: alcanzar a Lúa semella a pretensión dun tolo ou a proeza dun namorado. Co obxectivo de reflectir o seu desconcerto, a ilustradora Géraldine Alibeu presenta os animais da selva en actitudes estáticas e reduce ao límite a paleta de cores. Así, transmite a incapacidade destes, incluída a ra, para explicar o que lle está a suceder ao león e que temen trastornado.
Pola contra, Alibeu reserva para o león as ilustracións en movemento e con maior cromatismo. Deste modo, busca crear unha atmosfera na que se respire a súa urxencia e o motivo amoroso da mesma. Ademais, estas imaxes non teñen texto, co que o lector debe entrar no terreo das suposicións para desentrañar o que lle ocorre ao turbado Rei da Selva.
A ilustradora francesa súmase ao xogo de que o lector sexa un máis neste periplo investigador e poida recoñecerse, como se fose o seu alter ego nese pequeno nativo masai de constante presenza no libro. Este neno segue o devir da historia relaxado e feliz pero moi atento, como todos os que se mergullen nesta colaxe plástica e narrativa que amosa como as máis fermosas demostracións de amor non esixen épicas fazañas.
[Presentación editorial]