Puntuación: 2.4/5 (54 votos)
Non sorprende que o libro Confusión e morte de María Balteira teña acadado unha cuarta edición. E dicimos que non sorprende porque é un libro de relatos dun alto nivel literario. Dicir iso non sería máis que loanza baleira, a non ser pola verdade que conteñen estas palabras, desde a calidade e riqueza da lingua galega na que están escritos até as moitas facetas que ofrecen con respecto ao contexto galego, da perspectiva feminina, das tramas tanto orixinais como arquetípicas.
Pensamos que o estilo da autora, Marica Campo, vai levado por un ritmo de auga e natureza, ritmo creado pola relación variada e insistentemente contigua que hai na súa narrativa entre a muller, o mundo vexetal e animal. O espazo habitado polas mulleres e os homes que coñecen é tamén un mundo partillado polas ánimas. A miúdo a voz narrativa avanza case bailando a través das descricións, un ritmo poético que semella vir dun fluír do inconsciente, dunha psicoloxía rescatada das lembranzas dun pasado, ás veces vivido e gozado e outras veces case totalmente esquecido. Todo lector galego sabe que o rescate do pasado ten unha función colectiva na Galiza contemporánea, porque ofrece a posibilidade de des-borrar, de re-memoriar, as raíces da súa identidade telúrica e anímica. O público lector en galego tamén sabe que o pasado remoto da terra non carece de incidencia na realidade actual, aínda que mans e voces alleas (tamén algunhas galegas) teñan contribuído a unha conceptualización pintoresca dunha Galiza máxica. Por tanto, a maxia –desde esta perspectiva do papel que contribúe á fundación dunha identidade cultural– é máis que unha ollada que se defina como sensíbel ao irracional. O mundo encantado e imaxinado non presenta dificultades de interpretación: a maxia é quen de suxerirnos moitas cousas, todas feiticeiras ou atraentes, esenciais para comprendermos o que é a nación galega (...)
[Fragmento do prólogo por Kathleen March]