Puntuación: 2.2/5 (47 votos)
(...) Prenderei a lareira, de Vicente Reboleiro, constitúe a mellor homenaxe que neste ano 2010 se pode facer a Uxío Novoneyra, poeta do Courel mais tamén poeta da Galiza, poeta da nación e adaíl na defensa da nosa identidade política, cultural e lingüística; e por todo iso poeta universal, pois só desde a identificación co propio se pode atinxir a verdadeira universalidade (...). Na esteira dos bos e xenerosos está Uxío Novoneyra e está tamén o autor deste libro que me honro en prologar.
(...) van sendo horas de afirmar que Vicente Reboleiro –veciño, amigo, discípulo, incansábel lector, recitador e admirador de Uxío Novoneyra– é un galego consciente, cabal e comprometido, e que neste fermoso libro de poemas homenaxea o seu mestre infelizmente desaparecido. Con esta obra convértese Vicente Reboleiro no novo poeta do Courel, o poeta do Courel do século XXI, un Courel que posúe a mesma grandiosidade e beleza dos seus tesos cumes e dos seus profundos vales, mais tamén sobre o que penden máis ameazas sobre o seu futuro pola acción depredadora da cobiza humana e pola desidia duns poderes que non acaban de comprender o grande potencial (...). Na realidade, de entre as líricas vivencias e lembranzas da infancia courelá do poeta Vicente Reboleiro vai emerxendo subrepticiamente nestes versos un SOS Courel provocado pola lenta agonía dun mundo e dunha forma de vida en transo de desaparecemento, e igualmente provocado pola acción depredadora do ser humano. Saudade polo paraíso perdido da infancia, mais tamén tristura polo abandono do medio rural, son sentimentos que agroman e transparecen ao longo e largo da obra.
[Fragmento do prólogo porXosé Ramón Freixeiro Mato]