Puntuación: 1.7/5 (66 votos)
Editorial Galaxia publica “Historia de Galicia”, unha nova e importante achega do historiador Ramón Villares na que se dá unha visión completa e rigorosa da totalidade da historia do noso país. O profesor Villares propón nesta obra unha visión histórica arrequentada polos logros que nos anos últimos acadou a investigación, cunha absoluta novidade: efectuar unha ollada das diferentes etapas da historia desde cada unha das sete cidades galegas.
A Historia representou un papel fundamental na formación da cultura galega. É esencial para entender a sociedade actual. Ramón Villares debrúzase sobre o noso pasado para procurar nel as principais claves da Galicia de hoxe. Concibido cunha forma de ollar nova, máis complexa e rica, atenta tamén á historia da cultura e aos coñecementos que a investigación his tórica nos achegou nos últimos vinte anos, este libro engade como novidade unha visión das diferentes épocas desde o outeiro das sete grandes cidades galegas: o Lugo romano, a Compostela de Xelmírez, a Pontevedra dos mareantes e mercadores, o Ferrol ilustrado, a Coruña liberal, o Vigo industrial e o Ourense da xeración Nós.
Entre os contidos do libro que salientan como novidosos ou especialmente interesantes, cómpre subliñar o alargamento de información sobre épocas coma a do Humanismo e a dos Austrias maiores; a reformulación que se fai da Galicia sueva e, sobre todo, do papel de Martiño de Dumio; as incorporacións de contidos relativos á historia da cultura e, naturalmente, a atención a problemas coma o do caciquismo, agora enxergados cunha ollada nova. Ao que se se debe acrecentar a visión do período que vai da Guerra Civil á construción do réxime da autonomía, cunha atención especial á evolución do galeguismo no exilio e no interior.
[presentación editorial]