Puntuación: 1.8/5 (45 votos)
Ás veces pérdeste na noite
e non atopas a túa casa.
Por un bosque descoñecido
camiñas sen rumbo.
En
Cando non atopas a túa casa, o novo álbum da Colección O de OQO editora, Paloma Sánchez volve a mirada á esencia temática dos contos tradicionais, pero sen renunciar a un enfoque moderno e transgresor.
A historia comeza dun xeito xa clásico dentro da literatura infantil e xuvenil de todos os tempos: con alguén que se perde no bosque durante a noite. Mais axiña se afasta das convencións do xénero.
Fronte á terceira persoa ou a primeira, as máis habituais, a autora aposta por unha narración en segunda persoa. Asemade mantén sempre a ambigüidade con respecto ao protagonista, do que non sabemos se é un neno ou unha nena. Quizais porque na realidade ese «ti» fai referencia a outro protagonista, ao propio lector.
Paloma Sánchez foxe dos escenarios realistas, de aí que a viaxe de regreso ao fogar sempre transcorra por lugares insólitos e oníricos. No seu percorrido o protagonista non está só. Anímano a seguir as voces das estrelas, a do eco da Fin do Mundo, a dos xuncos nas pedras… Pero unha voz condúceo a outra, e a outra, e así ata o infinito. O camiño tórnase un labirinto ou espiral, cada vez máis fantástico, do que é imposible escapar.
E quen mellor que Joanna Concejo, cuxo anterior traballo con OQO editora, Fume, foi merecedor dunha Mención White Raven que o recoñece como un dos álbums máis fermosos do mundo, para ilustrar os territorios da fantasía. Porque as paisaxes de Cando non atopas a túa casa, semellan tiradas do mundo dos soños.
Igual ca nun soño, as imaxes desfilan unha detrás doutra, mais non sabemos que será o que nos agarda á volta da páxina. Para lograr ese efecto de irrealidade que tan ben se adapta á historia, utiliza lapis de cores e tamén pequenas colaxes.
Trátase de ilustracións cargadas de poesía que acompañan a prosa rítmica da escritora. Resultan belas e estrañas ao tempo e non sabemos como interpretalas. Semellante estrañeza experimenta o protagonista, que desorientado busca a súa casa. Mentres cruza esas paraxes surrealistas, escoita voces que lle berran Sigue! porque nunca faltan voces amigas animando a continuar.
[Presentación editorial]