Puntuación: 1.8/5 (29 votos)
Dedicado neste ano 2004 o Día das Letras Galegas ao etnógrafo Xaquín Lorenzo, Editorial Galaxia quere sumarse á homenaxe de todo o pobo galego a este investigador ilustre da nosa cultura popular coa publicación de “Vida e obra de Xaquín Lorenzo”, libro no que Xosé M.González Reboredo, gran coñecedor da obra do estudioso ourensán, redescobre aos lectores de hoxe a importancia da traxectoria dun home que traballou a prol da conservación e mellor coñecemento da cultura popular galega.
O labor de Xaquín Lorenzo Pernández (Ourense, 1907) como investigador iníciase xa sendo moi novo. Ingresa no Seminario de Estudos Galegos cun traballo sobre o carro, un dos moitos temas nos que chegaría a ser unha autoridade incontestable. En “Vida e obra de Xaquín Lorenzo”, González Reboredo traza un completo retrato da súa personalidade e analiza a súa obra dun xeito rigoroso, facéndoa doadamente comprensible para o profano, cun especial coidado en salientar o seu significado esencial para o desenvolvemento dos estudios etnográficos galegos e para a divulgación da nosa cultura popular
Cómpre non esquecer a participación de Xaquín Lorenzo na “Historia de Galiza”, publicada en Bos Aires no 1962, e dirixida por Otero Pedrayo; nesta obra encargaríase da parte da etnografía correspondente á cultural material. De aí sairían os seus traballos sobre A terra, O mar e os ríos, Os oficios e A casa, publicados actualmente por Galaxia e obras mestras nas que perdura a memoria de toda unha cultura.
[presentación editorial]