En 1877 dous amigos chamados Tonnison e Berreggnog atopan un manuscrito soterrado entre unhas
ruínas nun remoto confín da Irlanda rural. As súas estragadas páxinas contan a estraña historia dun
home que habitaba unha casa chea de misterios. O narrador conta como se foron sucedendo unha serie
de acontecementos de carácter sobrenatural, abríndoselle unha xanela aos terrores incomprensíbeis que xacen alén das estrelas e alén dos veos do que nós consideramos a realidade.
A casa no confín, publicada en 1908, é unha das novelas máis importantes do xénero chamado de Terror Cósmico. Malia que pouco coñecida, eclipsada quizais polo máximo expoñente do xénero H. P.
Lovecraft, constitúe unha peza maxistral que senta as bases formais e temáticas que adoptarán todos os
autores posteriores, incluído o citado autor de Providence. [Presentación editorial]