Puntuación: 2.1/5 (61 votos)
O libro que o lector ten nas mans responde só de maneira vaga ao título de
diccionario pois non o é no sentido en que o eran os libros da vella colección de Mouton titu¬lada
Dictionnaire des idées dans l'oeuvre de (Simone de Beauvoir, Marcel Proust, André Malraux, etc.). Non o é tampouco no sentido en que o foron nesta colección os
diccionarios de Sarmiento ou Eladio Rodríguez. Novoneyra non se presta, ou préstase mal, para facer un dicionario de ideas. Por iso o presente libro adopta máis ben a estrutura do dedicado no seu día a María Mariño nesta mesma colección e pola mes¬ma autora; naturalmente no libro fálase das ideas de Novoneyra, pero é Esperanza Mariño quen as expón; tamén fala o propio Novoneyra, pois no libro hai unha anto¬loxía de textos, pero non se organizan alfabética nin ideoloxicamente, como nos dicionarios clásicos. Tampouco é
diccionario no outro sentido que un lector de Novoneyra esperaría: un glosario de palabras exclusivas ou case exclusivas do autor; é ben sabido que Novoneyra salfería os seus escritos de palabras locais, propias na maioría dos casos das súas terras nativas do Courel, explicadas ao final dos libros nun glosario. Certamente Novoneyra merecía un estudo do seu vocabulario (entre outros aspectos, as fontes populares ou literarias onde bebe e as repercusións que tiveron as súas innovacións na literatura posterior); pero tampouco este
diccionario vai nese sentido. De feito o libro de Esperanza Mariño Davila é unha introdución á vida e obra de Novoneyra, seguida dunha escolma da súa obra.
O libro desde un punto de vista académico é unha achega importante dado que ata agora son ben escasas as monografías dedicadas a este autor, como se pode ver na bibliografía case exhaustiva que se inclúe ao final do estudo. Aínda así podemos salientar que o seu mérito principal reside máis na utilidade didáctica que pode ter o libro, en especial para alumnos de Educación Secundaria e últimos anos de Primaria. É por iso polo que o libro remata cunha sección de recursos didácticos que comprende un comentario dun texto (
Letanía de Galicia), unha batería de posibles traballos para realizar na aula e un cadro sinóptico no que se sitúan as etapas da vida do autor en correlación con acontecementos salientables da historia de Galicia e do mundo entre 1930 e 1999. Neste sentido teño que indicar que un dos aspectos que os académicos valoran á hora de escoller un persoeiro é que sexa susceptible de aproveitamento nas aulas de ensino pois é dentro delas onde máis repercusión ten a celebración do Día das Letras Galegas. E o libro de Esperanza Mariño pode axudar a profesores e alumnos a facer deste Día un éxito.