Puntuación: 2.2/5 (52 votos)
Galo Pinto quería engaiolar a Xiana e a vaca Gallarda fixo de casamenteira. No curral, en canto se soubo a noticia, andaban todos ás carreiras: as pitas poñían ovos para facer unha torta, Gallarda preparou a nata, as cabras colleron amoras das silveiras, os porcos apañaron flores, e un coro de ovellas ensaiaba cancións de voda.
Unha voda sempre é motivo de alegría, por iso todos na granxa estaban tan contentos, todos menos a raposa da matogueira. A ela comíana os demos! Como podía casar a súa nena de prata cun galo tan fachendoso! É que non se decataba de que ao Galo Pinto só lle preocupaba lucirse no casamento? E por riba de vaidoso, interesado! Todo o día a preguntarlles aos convidados polos regalos!
O autor do novo álbum da Colección O de OQO editora é Juan Alfonso Belmontes, quen a partir dos encontros e desencontros dos tres personaxes principais (o Galo Pinto, Xiana e a raposa da matogueira) vai tecendo unha singular historia de amor na que tampouco faltan os celos, as penas, os enganos ou a cobiza… Con estes ingredientes a emoción está garantida, e entre enredo e enredo o autor convídanos a que reflexionemos con el sobre os sentimentos.
A ilustradora de tan soada voda é Natalie Pudalov, unha artista nada en Rusia pero que vive en Israel desde moi nova. Alí foi onde realizou os seus estudos de arte e deseño gráfico e tras finalizalos completou a súa formación en Alemaña, a onde se trasladou para estudar ilustración.
Para o seu traballo nesta ocasión empregou taboleiros de madeira sobre os que foi pintando distintas capas con pintura acrílica e combinándoa con colaxes. No álbum, Natalie concédelle un protagonismo especial aos tres protagonistas do triángulo amoroso. Segundo ela mesma di, a imaxe de cada un deles trata de reflectir as características máis significativas da súa personalidade:
A vaidade e o egoísmo son os trazos máis relevantes do carácter do Galo Pinto, de aí que o presente sempre camiñando moi teso, coa cabeza alta e exhibindo unha fabulosa cola. O seu tamaño é maior que o do resto dos personaxes, porque se cre superior a todos, sobre todo á súa prometida. E cobre o rostro cunha máscara que simboliza que se trata de alguén que oculta as súas verdadeiras intencións.
Fronte á imaxe afectada do Galo, a noiva transmite naturalidade. As súas roupas son sinxelas e adórnase con flores. Ademais, Xiana é unha vítima do Galo, así que o seu aspecto tamén denota certa fraxilidade (é pequena) e inxenuidade. Na súa caracterización os elementos máis utilizados son precisamente os que inciden na inocencia e pureza do personaxe: é unha leiteira, viste mandil branco coma a neve, a súa pel é de prata…
Por último, a raposa da matogueira é humilde e sabia. Sempre aparece nun segundo plano en todas as ilustracións e vixiando que a súa nena non caia na trampa do Galo.
Moi orixinal resulta tamén o xeito en que Natalie debuxa os regalos de voda: dentro de burbullas porque na realidade non son máis que promesas baleiras, fráxiles coma pompas de xabón, que corren o risco de romperse e esvaerse se ao final non hai voda…
[Presentación editorial]/b>