Puntuación: 1.7/5 (53 votos)
Mamá gastou todos os seus aforros.
Comprou un billete para unha embarcación
que nos debía levar a unha terra
Onde as nenas non dormen en caixas
nin as mamás choran.
OQO editora, nunha nova mostra do seu compromiso cos temas sociais, publica o segundo título da Colección Qontextos. Trátase de Caixa de cartón, do autor biscaíño Txabi Arnal, unha obra coa que dá continuidade ao proxecto editorial iniciado en 2008 e que pretende reservar un espazo do catálogo para algúns temas pouco habituais na literatura infantil e xuvenil, coma por exemplo, a guerra, as desigualdades sociais ou a existencia de réximes antidemocráticos.
Neste álbum, Txabi Arnal e o ilustrador iraniano Hassan Amekan únense para ofrecer unha crónica da inmigración, mais desde un punto de vista moi diferente ao que a diario nos presentan os telexornais e periódicos. Nestas páxinas non hai análises de xornalistas, nin estatísticas; só a voz valente dos protagonistas deste auténtico drama humano e vai ser unha nena inmigrante a que en primeira persoa nos relate a súa historia.
O xénero autobiográfico convértese aquí nun vehículo idóneo para trasladar as experiencias dos que emigran. Pero o seu testemuño alén de ofrecernos unha perspectiva máis humana da inmigración, vainos descubrir a complexidade deste fenómeno que presenta caras moi distintas: a cara da fame e da miseria nos países de orixe, a cara das mafias que trafican con persoas, a cara do odio e da xenofobia coa que o primeiro mundo recibe os estranxeiros…
E pese a esta realidade tan desoladora, en Caixa de cartón hai esperanza. Porque esta historia tamén fala de solidariedade, dese vínculo fraternal que se establece entre os inmigrantes; e de segundas oportunidades, como a desta nena que tras perder todo, finalmente é adoptada por unha familia e atopa un novo fogar.
O encargado de poñerlles rostro aos personaxes creados por Txabi Arnal nesta ocasión é Hassan Amekan. O ilustrador consciente das penalidades que viven os inmigrantes, sobre todo se son ilegais, constrúe unhas figuras e uns escenarios que parecen de cartón, material co que tenta que nos fagamos unha idea da fraxilidade e desamparo destes seres. Para lograr este efecto, utiliza un papel fino e delicado sobre o que compón imaxes con óleos e colaxes, e logo volve debuxar por riba.
Moi significativo resulta que sexa o lume, o elemento que no álbum simboliza a violencia exercida contra os inmigrantes por mor das actitudes racistas. E abofé que poucas cousas hai cun poder tan devastador e que reflicta tan ben a crueldade coma o lume, se temos en conta que os personaxes son de cartón. A isto aínda hai que engadir o poder evocador dese fume negro que anega a páxina e que para nós posúe connotacións funestas (morte, loito).
Tanto a estética, como o cromatismo tratan de recrear a atmosfera desta historia tan dura, e unha sensación de melancolía invádenos segundo pasamos as follas do álbum. Todas as figuras aparecen de perfil e caracterizadas dun xeito peculiar, mais axiña unha delas atrae as nosas miradas: a dunha nena, vestida de vermello, a cor da vida, porque ela é unha sobrevivente.
[Presentación editorial]