Puntuación: 2.1/5 (54 votos)
Unha balea solitaria que percorre o mar buscando a súa manda. Un cazador que a persegue sen descanso e non parará ata darlle alcance. Dous protagonistas, e como escenario o inmenso e misterioso océano.
Nunha clara homenaxe da autora ao clásico de Herman Melville, Moby Dick, e na liña da tradición dos mellores relatos de aventuras, Paloma Sánchez asina esta narración épica que OQO editora publica dentro da súa Colección Q.
Trátase dunha epopea moderna sobre a loita dun home contra as forzas da natureza, pero a obra ofrece ademais outro nivel de lectura máis intimista. Porque esta tamén é unha historia que fala de soidades: a dun vello lobo de mar no seu barco e a dunha balea que un día perdeu o seu grupo nunha tormenta.
A autora fragmenta o discurso narrativo en escenas. Cada unha comeza cun verbo: Amañece… ou Anoitece… seguido de puntos suspensivos. Así sabemos que ao día lle sucede a noite, e a cada noite outro día, nunha sucesión que parece non ter fin. Mais ao cazador nada lle importa salvo capturar a súa présa. A súa obsesión non coñece límites, é eterna.
Iban Barrenetxea, neste primeiro traballo como ilustrador de álbum, opta por eliminar calquera elemento superfluo que poida distraer a atención dos dous protagonistas da historia. O mariño que debuxa é un home recio, curtido, centrado unicamente na súa persecución, por iso sempre aparece agarrado ao arpón, mesmo cando dorme.
Alén desta faceta, o personaxe presenta, sobre todo durante a noite, un lado máis humano. Entón o cazador aparece mirando o ceo, fascinado pola beleza que o rodea, e o seu aspecto suavízase mediante o vestiario (camisón e gorro de durmir). Neses momentos xa non desexa loitar contra a natureza, senón fundirse con ela.
As ilustracións tratan de reflectir a soidade dos personaxes e tamén os seus estados de ánimo. Para recrear as emocións dos protagonistas, Iban recorre a imaxes surrealistas coma mares de follas, de xirasoles, de cadeas… Outras veces son o sol e a lúa, coa súa presenza maxestosa, os que nos dan as pistas para interpretar o que vemos.
O ilustrador xoga co tamaño dos obxectos. Ora son ridiculamente pequenos (o minúsculo barco do cazador), ora desmedidamente grandes, coma os aparellos (un compás, un farol, unha lente) cos que o cazador trata de localizar sen éxito a balea. Chiscadelas que lle serven para introducir unha nota de humor e mais para pór de manifesto, dunha maneira moi visual, a inutilidade dos esforzos do home fronte ao poder da natureza.
Pero o álbum aínda nos reserva unha sorpresa final: esa imaxe enigmática da garda que mostra un barco cuberto de hedras e un arpón abandonado, e que deixa no aire unha pregunta para que os lectores a contesten. Que foi do cazador?
[presentación editorial]