Puntuación: 1.8/5 (32 votos)
María bailaba. Oía a choiva e bailaba. Oía o timbre e bailaba. Oía os paxaros pola mañá e bailaba. E mesmo as cousas que ela tocaba daban en bailar.
Sara quería debuxar o mundo. Subía ás árbores e debuxáballes mazás, miraba o ceo e debuxáballe estrelas, miraba as flores e debuxáballes vestidos.
Xoán oía o que as cousas dicían porque, no canto de dúas orellas, tiña dez. Cando naceu, a súa nai preocupouse ao verlle tantas orellas, mais Xoán, que a oíu, amosoulle un gran sorriso.
Cando Rodrigo inventou unha gran rede, cazou os planetas e púxoos a dar voltas dentro da súa casa, todos dixeron: Rodrigo é inventor!!! e daquela saíronlle anteollos.
Antía, no canto de cabelos tiña flores. Por iso algunhas persoas pensaban que, en vez dunha nena, era un testo. Esta confusión non a amolaba porque sabía que, cando florecía, a súa cabeza era realmente fermosa.
Cando Catarina naceu, imaxinou que era unha mazá. E, como para ela imaxinar algo e ser ese algo era o mesmo, co tempo foi un gran de arroz, un peixe e unha lagoa.
Existe un mundo que brota da cabeza dos
protagonistas deste libro de relatos e tamén dos seus pés, das súas orellas, dos seus oídos. Son nenos e nenas que inventan bolboretas para adornar os seus paseos ou que debuxan o sol no medio do inverno, ou que sementan letras para inventar contos. Son nenos e nenas que constrúen o Mundo á súa propia medida: un mundo que reborda imaxinación e poesía.
María, Sara, Xoán, Rodrigo, Antía e Catarina viven e crecen en lugares lonxanos ou cercanos, nalgures. Coñécense. Xogan e saltan. Comparten historias. O azar úneos ou sepáraos... “Un mundo raro” presenta unha serie de experiencias infantís para reflexionar sobre o mundo que rodea os cativos, achegarse ao seu contorno, aos seus pensamentos e, por extensión, facer ese mundo máis asequible aos adultos, tan carentes de lembrar a súa propia nenez.
María José Ferrada aplica unha estrutura narrativa
flexible, alternativa á fórmula do conto tradicional, con historias que, ao atoparse, dan orixe a poemas e micro-relatos. As historias transcorren en espazos cotiás que Nicolai Troshinsky mestura con paisaxes de carácter onírico e siluetas recortadas de follas de papel
impreso, con motivos cromáticos ou gráficos.
[presentación editorial]