A consolidación do franquismo só foi posible grazas a que unha parte da sociedade civil colaborou no seu sostemento, pero para tratar das razóns que levan a unha toma de postura ante o réxime político o primeiro que cómpre é insistir na complexidade e na variabilidade das actitudes tanto individuais como de grupo. Unha ditadura non se sostén coa simple coerción, senón encontrando unha base e tecendo unhas redes de captación que permitan a súa supervivencia. Este volume analiza, estuda e explica como o réxime franquista concretou unha serie de instrumentos de socialización que lles transmitise ós cidadáns a crenza na lexitimidade do sistema político e na súa acción positiva con eles, é dicir, que fomentasen o consentimento. O limiar é do catedrático de Historia da USC Lourenzo Fernández Prieto. [Presentación editorial]