Puntuación: 2.2/5 (93 votos)
O Premio "Xohana Torres" de Investigación foi institucionalizado pola Concellería da Muller de Santiago no ano 1992 co obxecto de estimular a investigación que contribúa ó coñecemento da biografía, dos feitos da vida e da historia ds mulleres galegas, tanto no territorio da Galicia interior como exterior, e relativos tanto ó noso pasado como ó noso presente. Coa denominación Xohana Torres o premio rende homenaxe ó infatigable labor da egrexia poetisa, narradora e dramaturga a prol da dignificación da condición feminina a través da cultura e o cultivo da palabra. A este galardón poden optar todas as mulleres, que, de xeito individual ou colectivo, presenten un traballo inédito de investigación nos eidos devanditos.
Beatris Graña Pérez licenciouse en Humanidades -Campus de Lugo- pola Universidade de Santiago de Compostela en 2000. Dende entón, dedícase á recuperación da memoria feminina das exiliadas e resistentes despois do Alzamento militar de 1936. Actualmente prepara unha tese de doutoramento sobre a Galicia e a Bretaña de entre-guerras, co-tutelada entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Rennes II.
"Voces da memoria: galegas exiliadas, emigradas e resistentes durante o Réxime franquista" constitúe un primeiro froito desta investigación. O seu obxectivo principal consiste en recuperar a muller coma suxeito histórico dentro do exilio e da resistencia que se inicia despois do Alzamento militar de 1936 en Galicia. Este tema, -o exilio e a resistencia femininas despois do 18 de xullo de 1936-, resulta un tanto novidoso, pois ata o de agora non foi un aspecto que a historiografía tratara de xeito pormenorizado. Consecuentemente, os datos escritos para realizar unha análise seria sobre o fenómeno da muller galega resistente e exiliada son escasos, silencio que provoca que a investigación afinque as súas bases sobre as fontes orais. Son as verbas das propias exiliadas e resistentes, cotexadas con outros documentos, as que vertebran estas páxinas, para nos dar conta do acontecido na nosa historia recente.
[lapela do libro]