Puntuación: 1.6/5 (81 votos)
A editorial Xerais, en colaboración coa Universidade e coa Xunta de Galicia, vén de publicar “Premio 2003 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo”, un volume no que se recollen os textos gañadores dos Premios de poesía, relato curto e tradución do ano 2003.
O libro recolle nun único volume os gañadores dun premio, que naceu coa vontade de dinamizar a lingua galega entre a comunidade universitaria, pero que agora xa non ten como fin único o de promover o noso idioma, senón que a produción literaria ten calidade de seu e os participantes neste cértame contribúen de xeito significativo ao enriquecemento das letras galegas. Neste senso, o libro está considerado, dentro do panorama editorial galego, como unha verdadeira plataforma para as novas promesas da creación literaria en Galicia.
A publicación comeza recollendo os textos do apartado de Literatura, tanto nas modalidades de narrativa como de poesía. No caso dos relatos os lectores poderán ler “Todos estrañan a Daniel” de Robert Duif, “Tan doado” de Manuel Álvarez Sánchez, “20:33 (Outro máis de trens)” de Jacobo Díaz Rodríguez, “Insomne” de Pablo Otero Tranchero e “Os abaladores de Soavela” de Daniel González Vázquez.
Cinco creacións compoñen o apartado de poesía: “Roupa a secar ao sol” de Alba Vidal Fernández, alumna de Tradución e Interpretación; “Tres mulleres e un finxidor” de Iago Castro Buerger; “Poemas para días verticais” de Silvia Penas Estévez; “Leda Ophelia ofuscada” de Beatriz Lorenzo López e “A mares” de Antonio Millán Torrado.
No que se refire á tradución o lector pode ler neste volume a versión en galego de “Chronica Hermirici”, traducido por Xoán Bernárdez Vidal, alumno de terceiro ciclo de Xeografía e Historia; “Curutos treboentos” traducido polo estudante de Filoloxía Galega Iván Sestay Martínez e “O corvo” ,de Edgar Allan Poe, adaptado ao galego por Jorge Luis Bueno Alonso, profesor de Filoloxía Inglesa, e Ana Mª Fernández Soneira, bolseira do Departamento de Lingua Española.
Estes premios foron fallados no pasado mes de maio por un xurado presidido polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes, Óscar Rubiños. Xunto a el participaron o director de Edicións Xerais de Galicia, o xefe do servicio de Plans, Programas e Perfeccionamento da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta, varios profesores da Universidade e de ensino secundario e o director da Área de Normalización Lingüística, que actuou como secretario con voz pero sen voto.
[comentario do Diario da Universidade de Vigo (Duvi)]