Puntuación: 2.0/5 (45 votos)
Recuperación dunha das novelas que ía publicar a Editorial Nós de Ánxel Casal, e finalmente quedou inédita debido á Guerra Civil.
A novela
O frade das dúas almas, que publica Editorial Galaxia na colección Letras Galegas, ía ser editada por Ánxel Casal en Nós xusto cando comezou a sublevación do xeneral Franco contra a República. Pódese dicir, collendo emprestadas as verbas de Manuel Rivas, que a novela de Xosé Tobío Mayo é, daquela, un dos libros que "ardeu mal". Despois de 73 anos, e grazas á iniciativa do poeta Víctor Campio Pereira, testamentario literario do autor, a novela ve a luz nunha coidada edición a cargo de Teresa López e Xoán López Viñas, profesores da Universidade da Coruña.
Xosé Tobío Mayo é, na historia da literatura galega, o autor de
Espiñas (1941), poemario publicado en Buenos Aires con cuberta de Castelao. Á parte da súa personalidade literaria, hai que destacar en Xosé Tobío Mayo o compromiso social e político e unha traxectoria persoal que, máis aló do testemuño individual, representa a de moitos homes e mulleres da súa xeración, en certo sentido aínda pendente de ser integrada na nosa memoria colectiva.
En 1936, cando
O frade das dúas almas está pronta para a publicación, o seu autor ten 45 anos, trátase logo dunha obra de madureza. A novela xéstase na Galiza dos anos trinta, na Galiza de Ánxel Casal, en cuxa editorial Nós estaba previsto que fose publicada. Trátase dunha novela de iniciación ou aprendizaxe na que se narra a infancia do protagonista, Leliño, e dos seus compañeiros de estudos, Mingos e Manuel. As probas a que son sometidos, a súa iniciación amorosa, a crise vital que se manifesta como crise de fe, son algúns dos fitos desa aprendizaxe. Na novela ten unha importancia especial a cultura popular, das cantigas á literatura oral, e elementos doutros xéneros que contribúen á diversificación do seu discurso narrativo.
[Presentación editorial]