Por primeira vez publícanse en galego os Contos completos de Edgar Allan Poe e faise nunha edición sistematizada, que segue a orde cronolóxica e o texto establecido pola edición canónica de The Library of America. Saen do prelo os volumes I e II dunha obra que se rematará de publicar en 2010 coa edición do terceiro e último tomo.
A publicación destes dous primeiros volumes dos Contos completos, de Edgar Allan Poe (Boston, 1809-Baltimore, 1849), realízase dentro de Clásicos Universais, colección que ten como obxectivo traducir para o galego as obras fundamentais da tradición literaria mundial. A obra contística de Poe é unha das que fundan a tradición literaria moderna, salientando como precursora en diversos subxéneros coma o policial e o de misterio. A súa influencia nos autores posteriores chega ata hoxe e a súa tradución sistemática para o galego ten relevancia, ademais, pola papel central do conto na tradición literaria do noso país. [Presentación editorial]