Puntuación: 2.3/5 (59 votos)
Cal é o son do corazón? E por que latexa?
O vello xastre vaino descubrir grazas a unha viaxe e nós grazas a este emocionante álbum de Txabi Arnal. O autor vasco, neste segundo traballo con OQO editora, regresa para contarnos a historia deste xastre que sente un baleiro inmenso dentro do peito. E como a vida regalada de palacio non llo enche, un día foxe da súa gaiola dourada.
Mais como ía imaxinar el, que o mundo andaba tan esfarrapado! Hai pobreza, desastres naturais, guerras… O vello xastre ten moito que zurcir e remendar! Só ten nobelos de fío, agullas de varios grosores e unhas vellas tesoiras, pero alí onde chega, acaba coas penas.
E como nos recantos do camiño vai deixando amigos, cada vez que marcha dun lugar, o noso protagonista ata a punta do nobelo e vai soltando fío a medida que se afasta. Así, todos os sitios visitados van quedando conectados polo fío, e deixa trazada a ruta para cando decida volver.
Pero non será ata a derradeira ilustración, xa sobre un mapa, cando os lectores descubramos o verdadeiro significado da súa viaxe. E a encargada de revelarnos este segredo vai ser Cecilia Varela.
A ilustradora, de orixe arxentina, aínda que establecida desde hai anos en México, estréase con este álbum en OQO editora. En palabras da artista, un certo pouso de melancolía caracteriza o seu traballo, e as súas técnicas favoritas á hora de ilustrar son o acrílico e o lapis sobre papel.
As imaxes, unhas veces reforzan o que o texto di, e outras desvelan aquilo que cala. E así debe ser, na súa opinión, para que o lector se mergulle alternativamente en calquera dos dous universos posibles.
En O corazón do xastre son moitos os detalles que paga a pena comentar. O primeiro, a figura deste entrañable protagonista. Reparade nel! Non vos recorda o seu corpo… a un nobelo de fío? E que hai do chapeu, será un sombreiro ou un dedal?
A sensibilidade de Cecilia Varela brota nos sitios máis inesperados. Humaniza os elementos da natureza, coma o Sol e a Lúa, que desde o alto, nos sorrín ou nos miran asombrados. Tampouco lle pasan desapercibidos eses pequenos xestos dos animais: o can que mira de esguello, o peixe que salta querendo morder o fío… e que encerran tanta tenrura.
Ademais, nunca coma aquí, as ventás foron tan importantes, a través delas vemos os interiores das casas, e mundos perfectamente retratados nos seus pequenos detalles: gardas que bocexan, por que será? E quen é ese neno que asoma pola fiestra, agarrado ao seu porquiño?
Un álbum máxico que se abre cun xastre dentro da súa particular gaiola, pero que se pecha dunha forma ben distinta: cun paxaro que voa libre. Non sentes curiosidade?
[Presentación editorial]