Puntuación: 1.9/5 (55 votos)
Comezou sendo unha brisa agradable. Moi agradable. Pouco a pouco a brisa gañou velocidade. Converteuse en vento, por veces trouleiro,por veces molesto. Despois o vento soprou con máis forza, con carraxe,e transformouse en vendaval, un vendaval que roubou as follas das árbores, os chapeus das cabezas, as tellas dos tellados e o equilibrio dos ciclistas.
O vendaval medrou ata converterse nun furacán.
Txabi Arnal presenta un relato de gran beleza literaria construido a partir da idea do "efecto bolboreta", un concepto que tamén enlaza coa "teoría do caos". O seu nome provén do proverbio chinés segundo o cal o bater de ás dunha bolboreta pódese sentir ao outro lado do mundo.
É a historia dunha intensa busca para desentrañar un misterio, na que se trenzan emocións e sensacións contrapostas. Un texto descritivo e cheo de figuras literarias, combinando frases curtas e oracións subordinadas, o que lle aporta intensidade ao relato, unha cualidade á que tamén contribúe o esquema narrativo, cunha estrutura repetitiva e acumulativa.
A súa mensaxe alude ao valor da sinxeleza e á forza que ten ata o ser máis delicado para inducir cambios en beneficio dun colectivo. Fronte ao furacán que atemoriza a todo un pobo, unha fráxil bolboreta é quen de devolverlles aos seus habitantes as cores que roubara o vento e cambiar así a tristeza pola ledicia.
Pero ás veces as apariencias resultan enganosas e caemos en prexuizos. E do mesmo xeito que subestimamos o poder da bolboreta, magnificamos inxustamente as intencións do furacán...
Dende o punto de vista artístico, as ilustracións de Neus Bruguera -a base de lapis de cores- destacan polo estilo xeométrico que a caracteriza e por un interesante xogo cromático: a paleta en branco e negro -asociada aos efectos negativos do furacán- contrasta coa policromía do resto das imaxes.
[Presentación editorial]