Puntuación: 1.8/5 (61 votos)
Logo de ler este poemario, un queda coa sensación de fidelidade a si mesmo por parte do autor. De intento de expresión do que lle bole no cerne das vivencias, das cavilacións e dos sentimentos. Un libro que, ademais, amosa sinerxías co resto da súa obra plástica xeral. E que decanta experiencias, viaxes, momentos biográficos... Ou a súa idolatría polo mar. Ou a lembranza das amizades, evocadas, nalgún caso, cun transfondo de homenaxe en clave elexíaca, como nos casos dos artistas Mon Vasco ou Rafael Baixeras... Sen esquecer os vibrantes e sensuais estoupidos de Eros. Ou a dimensión visionaria. Ou a denuncia política e histórica, como o poema que recorda o cruel asasinato do pintor Francisco Miguel por parte dos fascistas en 1936. Ou a denuncia do estrago ecolóxico e territorial. Cando non, como non podía ser menos nun libro dedicado á súa filla, a presenza dun espléndido e estarrecedor canto ao nacemento dunha meniña...
Todo iso presidido pola forza visual do seu mundo, que amosa revelacións dun impresionismo e sensorialismo súbito e iluminador. Sen esguellar a súa rica evocación da materialidade, traballando en múltiples direccións.
[Fragmento do Prólogo por Xavier Seoane]