Descubrir un novo poeta, cando este leva a voz enraizada no celme da lingua, é, para os que vivimos namorados da maxia da palabra, motivo de fonda ledicia, porque entón sentimos que a alma da terra segue al nobremente viva e non deturpada por baleiros intelectualismos, sentimos que o río dos antergos flúe aínda alumado polos eternos soles diúrnos e as aluaradas noites e que as forzas ctónicas volven a estar en casoiro e harmonía cos númenes cósmicos: o universo está en orde, polo menos na clase de orde que aínda nos conmove. Por iso, a poesía de Paulino Peña tocou o noso corazón, cando formamos parte do xurado do premio de poesía de Carral e tivemos claro que era el o que debía ser laureado. O mesmo título do libro apuntaba felizmente na dirección "necesaria": esa de plantar as sementes que logo nos permitirán recoller as "...froitas/ de árbores enfarnadas/ no solar da tribo", programa non por sinxelo menos luminoso, nestes tempos de desfeita e desleigamento, xa que se un non sabe de onde ven menos poderá saber cara onde vai. No horizonte destes versos fermosos, afirmados no amor, aínda resoaban as ferventes ecoanzas da tamén afirmativa poesía do noso tan querido poeta e amigo Celso Emilio: "A Ourense vou por tódalas vereas/ pois teño alí o sangue e teño alí as veas..."; Así voltaba a nós, no arrandeo da misteriosa transformación que permite a lingua, alada coma un anxo, esta "Áurea/ que voa sobre as ás do río/ cara a un mar de plenitude..." [Fragmento do Prólogo por Ánxeles Penas]