Puntuación: 2.4/5 (62 votos)
Sigurjón Birgir Sigurðsson (Reykjavík,1962), máis coñecido polo sobrenome de Sjón, é un dos autores máis coñecidos e consagrados da literatura islandesa contemporánea. Polifacético e multidisciplinar, comezou a súa carreira literaria como poeta e foi un dos fundadores do grupo neosurrealista Medúsa en 1979. Dende entón leva publicados 11 libros de poemas e 7 novelas, ademais dalgunha incursión na música, no cinema, na ópera e realizado diversas obras infantís.
Con todo, internacionalmente é máis coñecido por compoñe-la letra dalgunhas das cancións máis emblemáticas da cantante Björk e por ser coautor da banda sonora do filme Dancer in the Dark, de Lars von Trier.
Skugga-Baldur obtivo o premio de Literatura do Consello Nórdico no ano 2005.
Un sinistro naufraxio trae a ledicia a unha vila do sureste de Islandia, ó tempo que cambia a vida do xoven Fridrik B. Fridjónsson, introducindo no seu destino a Abba, a misteriosa rapaza con síndrome de Down. Fridrik decide entón mudarse ó humilde eirado que lle deixaron seus pais na parroquia de Dalur.
Paralelamente a estes eventos, o desenvolvemento dunha cacería levará a trama a un nivel alegórico, abrindo un diálogo entre o cazador e o raposo, ou simplemente, entre home e natureza, cuxo desenlace restituirá a orde das cousas neste pequeno universo mítico.
O título de Skugga-Baldur remite ó nome dunha voraz criatura da mitoloxía nacional, xerada dun gato e dunha raposa. Baixo o lema das Metamorfoses de Ovidio, “todo cambia, nada se destrúe”, Sjón fía unha historia inesperada onde o mito e o romanticismo cobran a forma dunha obra literaria de vangarda.