"Polbo á feira e catro contos máis" é o resultado visible da vixésima edición do Premio Ourense de Contos para a Mocidade.
Non é esta unha edición calquera, xa que a vixésima vez que se
convoca un Premio trae á cabeza instantaneamente toda unha
historia de moitos esforzos, moitas ilusións, moitas páxinas, historias e ideas, gañadoras ou non durante case dúas décadas.
Estes contos que a continuación se reproducen (Polbo á feira, de Pablo Piñón Dacal -Premio Ourense-, Camiño de esperanza, de Iago Leiras -Accésit-, Unha cuestión de identidade, de Ignacio Mascuñán -Accésit-, Cama ás escuras, de Emma Pedreira - Accésit-, e ¡Ai! Xiana..., de Rita Doallo -Accésit menor de 17 anos-) son os elixidos
polo xurado, de entre os máis de corenta presentados por mozos
e mozas de entre catorce e trinta anos. E abofé que os lectores e
lectoras deste libro saberán apreciar a súa calidade, testemuña
indubidable do bo nivel dos concursantes e de que a literatura
galega segue cun vizoso estado de saúde, e por moito tempo,
dado que o sangue novo segue disposto a fluír polas súas veas. [limiar do libro]