Puntuación: 2.1/5 (56 votos)
Son moitos os nenos e as nenas que soñan con ser magos e protagonistas de historias fantásticas. Se ti es un deles, con este libro poderás facer realidade os teus soños e vivir unha aventura alucinante nun pazo máxico oculto nun bosque secreto, onde te converterás nun auténtico aprendiz de mago. Acompañarante nesta aventura un raposo moi simpático e o ilusionista Pedro Volta, que che presentarán algúns dos magos máis lendarios, como o escapista Harry Houdini, O Gran Carter, Doug Henning ou Robert-Houdin, que compartirán contigo segredos incribles e, ademais, ensinaranche en persoa os seus mellores trucos. Tamén descubrirás as orixes do cine grazas ao entrañable mago Georges Méliès, co que aprenderás a realizar coas túas mans misteriosas sombras chinesas. Cando volvas ao mundo real converteraste nun auténtico mago e poderás sorprender os teus familiares e amigos.
O recoñecido ilusionista galego Pedro Volta proponnos, ao xeito de contar propio dos espectáculos de maxia, conseguir facer realidade os nosos soños e converternos en auténtico magos. Preséntanos unha aventura apaixonante que nos permitirá viaxar a un mundo de soños e fantasías onde todo é posible.
Na súa máxica aventura o narrador-guía posibilitará que coñezamos algúns dos segredos e mestres da Arte da Maxia. Levaranos a un bosque máxico perdido nalgún lugar de Galicia onde se atopa o Pazo dos Segredos, lugar invisible para os que non accedan á clave secreta.
Os orixinais debuxos de Calros Silvar contribúen, ao tempo, a facilitar a compresión dos distintos pasos dos trucos propostos e a crear esa atmosfera de misterio e fantasía tan propia dos espectáculos de maxia.
[Presentación editorial]