Puntuación: 1.9/5 (80 votos)
Este libro homenaxe que tes nas mans, prezada lectora e estimado lector, é froito da amizade, da admiración e do agradecemento ao home e ao amigo, ao escritor e ao estudoso, ao dinamizador e ao profesor, que obedece ao nome de Marcos Valcárcel López.
(...)
Os que nos encargamos da ilusionante tarefa de coordinar este libro homenaxe propuxémonos desde o primeiro momento que fose unha obra singular e representativa, coidad e editada como a ocasión merecía. Como podes apreciar, amigo lector, amiga lectora, as colaboracións son abertas e libre: un poema, un artigo, un relato, un comentario, unha anécdota, unha obra plástica. Na idea estaba facer un libro para ler, gozar e aprender, e non unicamente unha recompilación de textos haxiográficos ou de gabanzas. Cremos que, entre todos, lle ofrecemos a Marcos un agasallo literario e artístico que vai perdurar no tempo e que reflicte o mellor dunha Galicia moderna que se proxecta vizosa no futuro.
Para tal misión foron convocados amigos máis próximos ou máis lonxanos, unidos todos nun espírito de banquete democrático consonte ao caracter xenuíno de Márcos Valcárcel. Deste modo, aparecen todos por orde alfabética, sen distingo de rango, honores ou fama, desde o amigo ou compañeiro de traballo diario até o escritor consagrado ou o representante da máis alta institución académica, cultural ou política. Como se pode comprobar, unha amplísima nómina de escritores, profesores, investigadores, xornalistas, membros de diversas ramas das artes plásticas, políticos, compañeiros e amigos, achegaron o seu contributo. Dun xeito tal que só pode ser cualificado de canto limpo á amizade, de recoñecemento unánime a unha tracetoria tan exemplar como multifacética. Que fosen tantos e tan variados é, única e exclusivamente, mérito do homenaxeado, pois só o seu nome foi que de convocar o mellor de nós mesmos. A todos e a todas, o máis profundo agradecemento, así como ás institucións (Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Ourense, Concello de Ourense)que tan xenerosamente sufragaron a edición deste merecido libro homenaxe.
[Fragmento da Introdución]