A vida, o mundo, as amizades, as homenaxes, a historia, a literatura protagonizan este centenar de artigos de Xosé Neira Vilas escritos ao compás do sarillo do tempo que marca o existir e o facer do seu autor. A aventura do aviador Piñeiro, “o home paxaro”; a peripecia vital da case centenaria Isaura Gómez; o traballo dos emigrantes mariñeiros; ou a presenza da parella de cegos cantando a dúo nas feiras aldeanas son evocados con emoción e rigor documental nestes textos que constitúen un dos cumes do noso xornalismo literario. Tras concienzudas consultas e verificacións e asumindo o reto de ofrecer en poucas liñas a substancia das vidas e dos acontecementos relatados, o autor, un clásico vivo da nosa literatura, consegue engaiolar ao lector con cada unha destas pezas labradas pola crónica, a memoria e a palabra de raíz galega. [presentación editorial]