Puntuación: 2.0/5 (43 votos)
UN era un número moi pequeno. Sempre estaba só e sentía envexa dos demais, que tan superiores lle parecían. Un día, o Rei Menos deulle os planos para construír unha arma terrible: o Signo MENOS.
Facendo un uso simbólico e metafórico da operación matemática de restar, Juan Darién achéganos á loucura das guerras orixinadas pola errónea interpretación de que todo aquilo que nos é diferente, supón unha ameaza. Esta obra dedícase a desarmar semeilante falacia e pon o acento en afirmar que o coñecemento dos outros enriquece e engrandece: non resta, suma.
Darién fai unha proposta iconográfica de marcada ambientación bélica a través dunha técnica de representación -collage dixital- de estrutura simple e formas primarias, multiplicadas baixo os efectos dun tratamento plástico-construtivo tan elemental como efectivo desde o punto de vista cromático.
Un conto para a paz que manexa conceptos como escravitude, abuso, resolución de conflitos..., pero tamén unha ferramenta didáctica para se familiarizar con códigos e procesos matemáticos en virtude da motivación que provoca, da actitude que xera e a mediación que exerce a linguaxe plástica e a narración literaria na comprensión de conceptos abstractos.
Para iso faise uso dun expresivo xogo tipográfico reservado aos personaxes principais, o que reforza a comprensibilidade dunha proposta que intenta tamén achegar un concepto matemático a lectores pouco avanzados e que, en todo caso, permite gozar dunha disciplina que se vai comprendendo a medida que se fai uso dela.
E todo nun envoltorio repleto de valores universais como a liberdade, a paz, o respecto aos demais e á diferenza.
[Presentación editorial]