Edicións do Cumio publica O trasmundo de Antioquía, novela que o ourensán Rafael Laso ambienta nun mítico mundo oculto baixo as augas da lagoa de Antela. Valéndose dunha íntima conxunción entre realidade e ficción, entre o histórico e o fabulado, Rafael emprega a narración legada por un avó ao seu neto para conducirnos polo fabuloso trasmundo da lagoa. Deste modo arranca unha viaxe chea de probas, perigos sobrenaturais e sobre todo historias, as cales entroncan con aquelas crenzas populares que sobreviven neste mundo e coa mitoloxía artúrica.
Unha obra chea de imaxinación na que a esperanza e a crenza de que hai un lugar onde as historias que nos contaban de nenos nunca morren se convirten pouco a pouco no tema central e último do libro. [Presentación editorial]