Puntuación: 1.9/5 (61 votos)
Antea e Filipa son dúas velliñas humildes que comparten todo, aínda que o seu todo sexa case o nada: sopa de auga de luns a sábado e un fideo a medias os domingos. Pero son felices ao contar coa súa maior riqueza: o afecto dunha pola outra.
Esta historia amosa que somos capaces de facer cousas que parecen imposibles polas persoas que queremos, e que paga a pena chegar a vellos, pero moi vellos, para gozar canda eles dos grandes praceres -un gran banquete- e dos pequenos -unha faba diminuta-.
Charo Pita lémbranos que a idade é un regalo: está chea de vida e de misterios. Unha cara esculpida polas engurras é como unha árbore milenaria. O seu tronco groso florece cada primavera do mesmo xeito que unha persoa anciá con cada amencer. Así son Antea e Filipa, aventureiras do día a día, do
carpe diem.
Velliñas é un relato de renacemento na vellez, con elementos máxicos propios dos cantos tradicionais, onde o coidado, a paciencia, a imaxinación e a valentía transforman a rutina de dúas mulleres maiores que se queren cunha alegría e unha forza capaz de vencer calquera contratempo.
Fátima Afonso regálanos neste álbum unha mostra, contida pero eficaz, da súa demostrada capacidade para xerar imaxes de marcado carácter narrativo, con puntuais contraposicións de texto-imaxe que obrigan o lector a resolver mínimos problemas de distanciamento que respectan en todo momento a función narrativa que enmarca e domina o discurso plástico.
A ilustradora lusa propón unha xenerosa serie de planos medios para despregar un discurso dominado sobre todo polos acrílicos, con imaxes repletas de suxestivos detalles narrativos, o que permite gozar dunha lectura demorada e profunda.
[Presentación editorial]