"Con materias e sustancias da condición mineral da existencia e coa mecánica fabril da poesía das profundidades construíu o poeta Alfredo Ferreiro -ferreiro-, un libro de rexistro singular, non asimilábel á norma de ningunha das poéticas vixentes no actual panorama da poesía galega. Metal central. Metal central contén a experiencia do autor en oficio de condición transitoria -o de obreiro dunha factoría siderúrxica- que, malia o seu efémero carácter, deixou no corpo unha impronta decisiva, de valor iniciático ("aquí gravei no brazo unha espiga/símbolo do clan"), e na memoria varios estratos de fundamental memoria. A espiga foi cicatriz da ferida azarosa e traidora, amósega durísima do ferro ardente. A lembranza, un pouso magnífico de significación vital resolta en escrita poética de moitos graos de intensidade. Poesía da experiencia trascendida que supera toda incitación de discursividade narrativa e de referente anecdótico e opta polo discurso da indagación simbólica e da ollada de focalización expresionista." [Fragmento do Prólogo por Xosé Mª Álvarez Cáccamo]