Puntuación: 1.8/5 (37 votos)
Ninguén quería deixar a Marta soa aquela tarde; mais, por unhas causas ou por outras, todos tiveran que saír. Foi entón cando a cativa subiu xogar ao faiado e atopou un baúl que o seu tío Walter mandara desde Italia moito antes de nacer ela. Marta devecía por abrir aquel misterioso baúl...
Os nenos son curiosos de seu, porén, non debemos mirar con malos ollos esta característica, grazas a ela, descobren o mundo que os rodea, relaciónanse cos demais,... en definitiva, crecen e desenvolven a súa personalidade.
Tamén é certo que eles carecen de información que os adultos si temos, e que unha curiosidade esaxerada pode carrexar problemas. Polo menos, así lle ocorre á protagonista desta historia que, por se empeñar en abrir aquel baúl, terá que resolver, con habilidade, intelixencia, rapidez e espontaneidade, unha... "incrible e delicada situación".
Tal e como xa nos ten acostumados a prosa de Frank Baum, o ton do relato alén de ser fresco destila unha suave ironía. Xunto co seu xenuíno humor, as doses de realismo e fantasía que o autor conxuga con perfección, converten este canto nunha lectura divertida salpicada de detalles que nos convidan á reflexión.
Iván Prieto desprega aquí boa parte da súa capacidade para xerar imaxes a partir dos seus coñecidos collages pintados sobre papel. Utiliza un repertorio, contido mais eficaz, de recursos compositivos para dar luz a un texto clásico que esixía ir máis ala da simple iluminación das palabras. Por iso xoga cos encadramentos nun tratamento escenográfico case teatral, aínda que de evidente base narrativa, que resulta o mellor complemento para un texto visual cun alto grao de abstracción na concepción de espazos e figuras.
[Presentación editorial]