Puntuación: 1.6/5 (74 votos)
Para a asociación Espazo Lectura é unha satisfacción poñer nas vosas mans este libro, esta crónica en imaxes coa que quixemos contar o que ocorre os luns á tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar nas sesións do Contomar, un contacontos que reúne cada semana unha media de 45 nenos e nenas de 3 a 9 anos, cos seus pais e nais.
«Non hai espectáculo máis fermoso que a mirada dun neno que le» é unha das
reflexións que, da man de Günter Grass, ides atopar nas páxinas deste libro. A frase parece feita para describir o que sentimos as persoas que cada semana lles contamos contos aos nenos e nenas porque a ilusión e a maxia que transmiten os seus ollos foron sempre o mellor estímulo para seguirmos adiante con esta actividade. Nacía no mes de febreiro de 2006 inicialmente vencellado á ANPA do CRA Antía Cal e nestes tres anos foi medrando e consolidándose até converterse nun referente estable no traballo do
fomento da lectura e nunha cita que xunta as familias e a biblioteca pública arredor da lectura, un dos mellores investimentos educativos que lles podemos ofrecer aos nosos fillos e fillas.
Na primeira parte do libro, titulada «Os ollos do Contomar», atoparedes fotografías que foron tomadas polo fotógrafo Manuel G. Vicente en diferentes sesións ao longo do ano 2008, acompañadas de pequenos textos de diferentes autores e autoras nos que se reflexiona sobre a lectura e os libros.
Nunha segunda parte, titulada «Noite na biblioteca», incluímos fotografías dunha actividade que Espazo Lectura organizou, por primeira vez en Galicia, na noite do 21 ao 22 de xuño de 2008, cando 27 nenos e nenas de 6 a 12 anos quedaron a durmir na Biblioteca Municipal de Gondomar, nunha experiencia moi especial que incluíu xogos de busca, contacontos e un recital de poesía, así como o agasallo dun libro para cada un dos participantes. Espazo Lectura quere que, cada ano, cando o verán abra as súas portas, esa noite fermosa e máxica nos engaiole coa luz dos libros.
[Fragmento da presentación a cargo de CONCHA COSTAS.PRESIDENTA DE ESPAZO LECTURA]